STOP Desafiuzamentos Lugo vai participar no acto que, baixo o lema "Toma a Folga!", organiza o movemento 15M con motivo da folga xeral do 14N . Lémbrao, o 14 ás 17:00h na Praza Maior de Lugo.
Os
integrantes da plataforma STOP Desafiuzamentos Lugo consideramos que
hoxe é necesario que todas as cidadás do país saian a rúa e fagan ver o
seu desacordo coas políticas de regresión social que está a levar o
goberno baixo ao ditado da Troika. Unha política cuxos únicos resultados
visíbeis e o aumento das desigualdades sociais, a precariedade e o
deterioro das condicións de vida. Unhas políticas que cada día empuxan a
mais persoas a unha situación de pobreza e exclusión social. Ocasión
que a banca aproveita para facer caixa grazas a un sistema hipotecario
inxusto, ilegal e abusivo para a cidadanía, tal e como sinalaron un
informe encargado polo propio CGPJ e a avogacía do Tribunal Europeo de
Xustiza. Chegamos ao punto de que os mesmos que son rescatados e
avalados polo Estado, abusan e estafan a aqueles que están a soportar
ese mesmo Estado e son apelados cada día a facer un esforzo maior para
garantir o cumprimento de tal absurdo.
Estes
días, o problema dos desafiuzamentos está especialmente presente no
debate político. Fica claro. As estatísticas son moi alarmantes. Segundo
a PAH, nos últimos catro anos xa van mais de 400.000 familias
desafiuzadas en todo o Estado. No primeiro semestre de 2012 xa van preto
de 100.000, uns 532 por día. Porén, somos moi conscientes que non foron
as cifras nin o sufrimento das familias que están detrás delas as que
situaron este debate nas primeiras páxinas dos xornais. Para que o
problema chegase dunha vez por todas á mesa daqueles que exercen os
poderes do Estado foi necesario que nos últimos anos a cidadanía
comezase a enfrontarse de forma organizada aos bancos en casos de
desafiuzamento, que mais recentemente grupos de afectados decidisen
facer peches dentro das sucursais bancarias e mesmo fixo falta que a
morte de varias persoas rematase de quentar o ambiente social. Hoxe mais
que nunca, temos a convicción de que só pola vía da mobilización social
chegaremos a defender de forma efectiva os nosos dereitos e conseguir
paralizar esta sangría. Temos de deixar ben claro que non queremos mais
lavados de cara e reformas insuficientes como esta que o PPSOE seica van
escenificar de xeito cínico e oportunista unha vez mais. É necesario
que se aprobe dunha vez por todas a dación en pagamento retroactiva, a
moratoria inmediata dos desafiuzamentos en vivendas habituais e o
aluguer social dos milleiros de vivendas que de maneira ilexítima
acumula á Banca. Estas medidas de mínimos que resolverían os problemas
mais graves, xa teñen sido ata en 4 ocasións levadas ao Congreso dos
Deputados e en todas elas o PPSOE impediu que prosperaran. Estas mesmas
medidas son as que se recollen nunha Iniciativa Lexislativa Popular
actualmente en curso que leva unhas 500.000 sinaturas e que tivo que ser
impulsada por varias organizacións e colectivos ante a desidia
institucional.
Contra
os recortes en sanidade, educación, dependencia, investigación e
cultura; contra a precarización das condicións laborais e a destrución
de emprego, contra a subida do IVE, contra os privilexios da banca e as
grandes empresas, contra o fraude fiscal que realizan os grandes
patrimonios, contra a vergonza dos desafiuzamentos e contra a perda de
dereitos e liberdades; un cambio de modelo é necesario. Isto non é unha
crise, xa tampouco unha simple estafa, isto é un xenocidio. É o
xenocidio financeiro.