Nos últimos meses, ven sendo cada vez máis habitual atoparse con novas sobre casos de suicidio relacionados con desafiuzamento nas páxinas dos xornais. Este feito está a crear unha situación de grande alarma social que se suma á xa creada polas cifras proporcionadas polo CGPJ e dá unha idea do tremendo drama persoal que están a atravesar miles de persoas.
Por iso, desde os diferentes colectivos de STOP Desafiuzamentos das cidades galegas e desde o sindicato CIG pensamos que ante a situación desesperada que están a sufrir cada vez máis familias como consecuencia de seren desaloxados da súa vivenda é necesario intensificar as accións de protesta contra a lexislación hipotecaria e a inacción dun Goberno que se limita a aprobar “parches” mentres blinda os intereses da banca.
Desta maneira, o dia 28 de decembro, as galegas e os galegos están chamados a manifestarse polas rúas das súas vilas e cidades en contra dunha lexislación inxusta e abusiva que antepón os dereitos de lucro das entidades financeiras a un dereito fundamental da cidadanía, o dereito a vivenda. En Lugo celebraremos unha concentración ás 20 horas no fondo da praza Maior.
Non pode ser que en tempos de crise, o Estado permita a condena social das familias que o sosteñen para favorecer os intereses duns poucos. Non podemos permitir que unha soa persoa máis poña fin a súa vida pola cobiza sen limite daqueles que en boa medida son responsábeis da delicada situación económica que atravesa o noso país. Por iso reclamamos dación en pagamento con carácter retroactivo, moratoria dos desafiuzamentos en vivenda habitual e aluguer social.
Sem comentários:
Enviar um comentário