sábado, 31 de maio de 2014

CHARLA NO CARNEIRO ALADO


A próxima sexta feira, 13 de xuño, Pancho Torrente e Hella (integrantes de Stop Desafiuzamentos Lugo) darán unha charla sobre "a mobilización social polo dereito á vivenda". Será en O Carneiro Alado" (r/Salvador de Madariaga, 8) ás nove da noite.
O día anterior, quinta feira 12 de xuño, á mesma hora proxectaranse o documentario "Historia da PAH", a comparacencia de Ada Colau no Congreso e o documentario "La PAH, de la burbuja a la obra social".

segunda-feira, 7 de abril de 2014

PARABÉNS A MARCO!


A semana pasada Marco alcanzou un acordo de reestruturación da débeda co Banco Popular co que este desiste da súa intención de despexalo da súa vivenda. O acordo amplía o prazo de amortización do préstamo e reduce a tasa de xuro, desta forma a cota mensual redúcese a practicamente a metade. Ademais o banco anula unha serie de comisións e xuros de demora que pretendia cobrar inicialmente.
A loita de Marco e a súa familia, co apoios de Stop Desafiuzamentos Lugo, deu os seus froitos garantindo o dereito á vivenda desta familia.

sexta-feira, 7 de fevereiro de 2014

MAIS UNHA PEQUENA VITORIA



Nesta semana Manuel asinou un acordo coa entidade bancaria coa que ten unha hipoteca. Este acordo supon durante un ano unha sustancial rebaixa na cantidade a pagar mensualmente e tamén na taxa de xuro. Esta última pasa de estar en 5% a situarse arredor de 0'2%. Destarte a cota mensual pode ser asumida por Manuel que nestes momentos está desempregado. Mais um exemplo de que a presión e a loita dá os seus froitos.

sábado, 14 de dezembro de 2013

CLÁUSULAS ABUSIVAS NAS HIPOTECAS



Hoxe celebramos unha charla sobre cláusulas abusivas nas hipotecas. Os avogados Patricio Viveiro e Pablo Gallego informáronnos sobre as cláusulas abusivas mais frecuentes nas hipotecas e das posibilidades legais coas que contamos para tentar anulalas. Estas cláusulas están presente nunha parte importantes das hipotecas en vigo; entre elas cláusulas están as cláusulas solo, certas comisións, xuros de demora abusivos, etc. Cláusulas que nalgúns casos dan lugar a un substancial incremento do que pagamos cada mes. 
No coloquio posterior contestaron a distintas perguntas relacionadas coas hipotecas das persoas que asistiron á charla.
Se queres máis información sobre o tema non dubides en contactar con nós.

sábado, 26 de outubro de 2013

DACIÓN EN PAGAMENTO


Onte José Ángel e Mariela asinaron un acordo de dación en pagamento coa UCI (Unión de Créditos Imobiliários). Un acordo que se produce despois de moitos meses de negociacións entre Stop Desafiuzamentos Lugo e as/os afectadas/os coa UCI. Con esta sinatura ponse fin á angustia destas persoas por unha hipoteca que eran incapaces de pagar. Unha gran vitoria para Jóse Ángel e Mariela!

sábado, 1 de junho de 2013

1º DE XUÑO. O POBO É QUEN MÁIS ORDEA!


Hoxe, 1º de xuño, manifestámonos em Lugo, ao igual que en outras cidades e vilas de Galiza e do resto da UE contra as políticas das Troika e dos gobernos.

Ao final da manifestación leuse o seguinte manifesto:


POBOS UNIDOS CONTRA A TROIKA. GALIZA CONTRA A TROIKA E AS POLÍTICAS DO GOBERNO

Os pobos de Europa están a sufrir un violento ataque do capital financieiro que se fai representar pola Troika (FMI, BCE, CE) e polos sucesivos gobernos que aplican as políticas concertadas con estas entidades desprezando ás persoas. Sabemos que esta ofensiva aposta por dobregar ós pobos, tornándoos escravos da débeda e da austeridade. Atravesa a Europa e tamén debe ser derrotada pola loita dos diferentes pobos.

Cada unha de nós, en cada nación coas suas especifidades, sentimos na nosa pel as medidas que aniquilan os dereitos conquistados ao longo de décadas. Medidas que agravan o desemprego, que privatizan todo aquelo que poida ser rendíbel e que condicionan a soberanía dos países baixo a propaganda da “axuda externa”.

A desigualdade social e territorial exténdese por toda a UE, a pobreza alcanza niveis alarmantes, a fame reaparece con forza. É urxente que unamos as nosas forzas para combater mellor este ataque; para enfrontarnos ás constantes reformas que nos deixan sen dereitos para darlles diñeiro aos bancos, ás grandes empresas, aos especuladores e aos corruptos.

O PP ataca os dereitos laborais e legais. Está a atacar as pensións, abarata o despedimento, reduce os salarios e crea paro e pobreza. Xa son 120 os millóns de persoas que se atopan en risco de exclusión social.

Na Galiza, maís de 663 mil persoas están nesta situación e maís de 72 mil nenas forman parte de familias que viven baixo o limiar da pobreza, segundo Unicef o 20% das nenas son pobres. Igualmente aproveitanse da crise para adoptar medidas retrógradas e involutivas de forte carácter ideolóxico no campo dos dereitos cívicos destinadas a frear e derrubar conquistas de colectivos sociais históricamente marxinados, coma poden ser todas aquelas políticas que atentan contra os dereitos sexuais e afecivos das persoas e que hoxe manifesta claramente o ministro Gallardon coa súa proposta de reforma da Lei do Aborto.

Mentres, en Madrid o PP e o Goberno aproba o roubo de ducias de miles de pequenas aforradoras e entrega as caixas de aforros en mans de grandes bancos. Ao mesmo tempo milleiros de traballadoras do sector bancario son despedidas para sanear as entidades que despois de seren saneadas serán entregadas como agasallo ao gran capital. Debemos reclamar como pobo ter nós o poder económico e non os grandes inversores, para poder crear emprego, para poder empregar os cartos naquelo que é necesario e non para financiar con empréstitos millonarios cun interes baixo os propios banqueiros.

A Xunta de Feijóo desmantela o ensino, a sanidade e os servizos sociais para así dar novas fontes de ingresos ás súas controvertidas amizades. Galiza enteira está a ser entregada ás transnacionais mineras mentres o noso sector agrario, en estado moribundo, segue esquecido e sen recibir o apoio dos gobernos, impedindo a existencia dun medio rural productivo, vivo e dinámico.

No sector naval, Feijóo está a ofertar unha suposta carga de traballo, con moita propaganda e pouca concreción, a costa de vender o avanzado nivel tecnolóxico dos estaleiros galegos a unha multinacional mexicana, quen a bo seguro cando se faga co control tecnolóxico deslocalizará a producción.

Na nosa terra destinanse instalacións de aviación civil como o Aeródromo de Rozas para servizo da OTAN, maquinaria militar ao servizo do imperialismo, para faceren experimentacións con avións non tripulados -chamados Drons ou “avións espía”- que se empregarán para a invasións e ataque contra a poboación civil, onde o capital pense que é necesario.






Afirmamos que están a matar a industria galega, a pesca, o noso agro, destruíndo milleiros de postos de traballo para favorecer a concentración da riqueza.

Dende os anos oitenta perdéronse medio millón de postos de traballo, a emigración segue a sangrar a nosa terra deixándonos sen mocidade. Cada día son 70 as mozas que abandonan Galiza en busca de traballo para ir a Canarias, Valencia, Madrid ou Berlín.

Aquelas que deciden non emigrar, e loitar por un futuro digno na nosa terra son castigadas con medidas represoras e antidemocráticas polo Capital, que criminaliza polo tanto a todas aquelas que tentan combater as súas politicas. Esto maniféstase no día a día a través de multas gubernativas, detencións, penas de cárceres para sindicalistas, xente sin recursos ou mesmo a dispersión de presas políticas, como é o caso das independetistas espalladas por cárceres de todo o estado, quenes se atopan na máis absoluta indefensión privados da liberdade durante meses e anos sen ser xulgados.

Esta crise está a ser aproveitada para acentuar a concentración da riqueza e do poder político o cal agrava a situación das nacións sen estado como Galiza. Na Unión Europea e no Estado Español estase e centralizar a capacidad de decisión cara a Bruxelas e Madrid afastando deste xeito os pobos da toma de decisións.

Se no pasado eramos cada día máis pobres coa excusa da construción europea, agora din que se debe á crise. Están a roubar aos pobos, a todos nós, para enriquecer os banqueiros. Este sábado e de hoxe en adiante mobilizarémonos para denunciar este roubo, para exixir un cambio nas políticas da UE, do Goberno e da Xunta de Galiza.

As galegas e os pobos de Europa, non queremos ser servos; queremos ser donas do noso destino.


Que se lixe a Troika! Que se lixe o Goberno!

O POBO É QUEN MÁIS ORDEA!


terça-feira, 28 de maio de 2013

MANIFESTACIÓN O 1º DE XUÑO


Atendendo ao apelo lanzado polo movimento portugués "Que se lixe a Troika!" o próximo sábado, 1º de xuño, hai ducias de manifestacións convocadas ao longo de toda a Unión Europeia. Unha convocatoria para xuntarnos "num protesto internacional contra a troika e contra a austeridade, a favor de que sejam os povos a decidirem as suas vidas". Galiza uniuse a esta mobilización internacional con diversas convocatorias. Tamén en Lugo un amplo abano de colectivos entre os que está Stop Desafiuzamentos Lugo decidimos sumarnos a esta convocatoria co lema "Pobos unidos contra a Troika e as políticas do goberno".
A manifestación sairá ás 12h do Parque de Frigsa.