Quen somos?


Stop Desafiuzamentos Lugo nace como resposta a unha situación dramática que afecta a miles de familias: a perda da súa vivenda. En Galiza, preto de 6.000 familias foron despoxadas da súa vivenda nos últimos catro anos. Só en 2011 houbo preto de 2.000 desafiuzamentos no noso país, un 80% mais dos que houbera en 2008. No conxunto do Estado foron máis de 58.000 durante 2011. Non lle importa ás élites económicas e políticas aparcar a súa propia Constitución cando é no seu beneficio.

As familias son as vítimas dun sistema que as levou na década anterior ao estalido da crise a un crecente endebedamento. Os prezos da vivenda duplicáronse entre 1997 e 2007. O importe das hipotecas triplicouse. A parte dos seus ingresos que as familias tiñan que destinar a pagar a hipoteca aumentou notabelmente.

Cando se sofre un desafiuzamento non só se perde a vivenda, na imensa maioría dos casos antes de perder a vivenda as familias restrinxen o consumo ao mínimo para poder seguir pagando a hipoteca, pondo en perigo o mantemento dunhas condicións de vida digna. Ademais en boa parte dos casos despois de sufrir o desafiuzamento acaban tamén sufrindo unha condena financeira para sempre. Se a poxa fica deserta a entidade bancaria adxudícase a vivenda polo 60% do valor de taxación e segue reclamando o pagamento da débeda restante, mais os xuros e costas xudiciais, permitindo a lexislación o embargo de nóminas, contas, etc, e o embargo das/os avalistas. Ademais de perder a vivenda, miles de familias enfróntanse a unha condena financeira froito dun fraude hipotecario xeralizado e dunha lexislación hipotecaria deseñada para o beneficio da banca. Así e todo, os preto de 180 desafiuzamentos paralizados en todo o Estado desde maio de 2011 por parte do movemento cidadán demostran que non todo está perdido fronte os abusos da banca.

Stop Desafiuzamentos Lugo ofrece apoio ás persoas que estean pendentes de desafiuzamento no caso de residencia habitual. Pretendemos ofrecer apoio e aconsellamento legal ás persoas e familias que están en risco de seren despoxadas da súa vivenda, mediar entre os bancos e as persoas afectadas para encontrar unha solución axeitada.

Se estás pendente de desafiuzamento e precisas axuda, escríbenos ao correo stopdesafiuzamentoslugo@gmail.com ou chama ao número de móbil 657 774 623

Sem comentários:

Enviar um comentário