sábado, 29 de dezembro de 2012

A NECESIDADE DE UMA RESPOSTA MASSIVA



  • Vários centos de pessoas juntámo-nos o 28D na Praça Maior de Lugo, diante do edifício de NCG, para denunciar o drama social que estam a viver miles de familias ao serem despejadas da sua casa pola cobiça das entidades financeiras.

  • Junto a coletivos como o de Afetados polas Preferentes ou o sindicato CIG, quisemos aproveitar para assinalar aos verdadeiros culpáveis desta situaçom; Banqueiros corruptos e políticos cúmplices.

  • Aproveitamos para fazer recolhida de assinaturas da ILP que impulsou a Plataforma de Afetados pola Hipoteca para pedir a daçom em pagamento, moratória e aluguer social.

 
 Na noitinha do 28 de dezembro tivo lugar na cidade de Lugo uma das sete mobilizaçons que desde distintos pontos do País exigirom uma mudança radical nas políticas referentes a vivenda e lei hipotecária. Ao grito de 'Casa sem gente e gente sem casa' centos de pessoas pedimos o fim da lacra dos despejos com a aplicaçom urgente de medidas de mínimos como som a daçom em pagamento retroativa, moratória em caso de vivenda habitual e aluguer social nas casas que ilegitimamente acumula a banca. Já que nem as alarmantes cifras de lançamentos publicadas pelo CGPJ esta semana, nem os suicídios acontecidos durante os últimos meses, nem os protestos e manifestaçons feitas até o de agora fazem ao governo tomar à serio este drama social, é necessário ser mais contundentes e intensificar a pressom social. Precisamos de mais pessoas, coletivos, assembleias e sindicatos a se envolver na luta contra os abusos da banca. Essa é a linha na que vamos trabalhar cada dia com mais força. Isto nom fiz mais que começar e muitas mais vam ser as citas. Porque as vitimas desta estafa nom merecem sofrer mais em silêncio, STOP DESAFIUZAMENTOS JÁ!  







CONCENTRACIÓN O 28 DE DECEMBRO


Vários centos de persoas concentrámonos esta sexta feira em Lugo para denunciar o drama que están supondo para miles de persoas os procesos de expulsom das suas vivendas. As mobilizacións celebraronse nas principais cidades galegas convocadas polas respectivas plataformas de Stop Desafiuzamentos, na nosa cidade contamos co apoio do CIG e tamén co da Plataforma de Afectados polas Preferentes.
Estas mobilizacións prodúcense pouco depois de que o Consello Xeral do Poder Xudicial publícase as cifras de desafiuzamentos do terceiro trimestre do ano cos que na Galiza xa suman mais de 4.000 nos primeiros nove meses de 2012. Miles de razons para que as galegas e os galegos nos manifestemos contra as políticas dun goberno que entrega miles de millóns de euros aos banqueiros en canto promove cortes salariais e nas pensons, unha lexislación inxusta e abusiva que antepón os dereitos de lucro das entidades financeiras a un dereito fundamental das persoas, o dereito á vivenda.

quinta-feira, 27 de dezembro de 2012

CONFIRMAM-SE AS NOSSAS PIORES SOSPEITAS. O 28D TODXS À RUA!


  

Aumento no número de Desafiuzamentos em todo o País, também durante o veram.

 

Os dados sobre os efeitos da crise nas instituiçons judiciais para o terceiro trimestre de 2012 fornecidos hoje pelo CGPJ confirmam o padrom ascendente no número de lançamentos em vivendas e locais comerciais quer na Galiza, quer na Espanha. Para a província de Lugo a quantidade registada durante este período foi de 112 lançamentos, o que acrescentado aos dois trimestres anteriores faz um total de 438 entre Janeiro e Setembro de 2012. Na Galiza, som uns 983 para o período Julho-Setembro e 4.020 desde Janeiro a Setembro. Para o conjunto do Estado, os valores são 31.924 para o terceiro trimestre e 126.426 desde Janeiro a Setembro. 

 

Enquanto que cada dia mais pessoas som desalojadas da sua vivenda por culpa do desemprego, os cortes salariais e das pensons, as taxas em serviços públicos e o aumento dos tributos; o governo protege os interesses da banca e das grandes corporações em nome da 'confiança dos mercados'. Porque esta estafa a estamos a sofrer todxs.


 

Pela Daçom em Pagamento, Moratória em caso de vivenda habitual e Aluguer Social.

 

Sobram as raçons para sairmos o 28D. STOP DESAFIUZAMENTOS JÁ!

 

 

sábado, 22 de dezembro de 2012

CONCENTRACIÓN 28 DE DECEMBRO

 
Nos últimos meses, ven sendo cada vez máis habitual atoparse con novas sobre casos de suicidio relacionados con desafiuzamento nas páxinas dos xornais. Este feito está a crear unha situación de grande alarma social que se suma á xa creada polas cifras proporcionadas polo CGPJ e dá unha idea do tremendo drama persoal que están a atravesar miles de persoas.
Por iso, desde os diferentes colectivos de STOP Desafiuzamentos das cidades galegas e desde o sindicato CIG pensamos que ante a situación desesperada que están a sufrir cada vez máis familias como consecuencia de seren desaloxados da súa vivenda é necesario intensificar as accións de protesta contra a lexislación hipotecaria e a inacción dun Goberno que se limita a aprobar “parches” mentres blinda os intereses da banca.
Desta maneira, o dia 28 de decembro, as galegas e os galegos están chamados a manifestarse polas rúas das súas vilas e cidades en contra dunha lexislación inxusta e abusiva que antepón os dereitos de lucro das entidades financeiras a un dereito fundamental da cidadanía, o dereito a vivenda. En Lugo celebraremos unha concentración ás 20 horas no fondo da praza Maior.
Non pode ser que en tempos de crise, o Estado permita a condena social das familias que o sosteñen para favorecer os intereses duns poucos. Non podemos permitir que unha soa persoa máis poña fin a súa vida pola cobiza sen limite daqueles que en boa medida son responsábeis da delicada situación económica que atravesa o noso país. Por iso reclamamos dación en pagamento con carácter retroactivo, moratoria dos desafiuzamentos en vivenda habitual e aluguer social.

quinta-feira, 6 de dezembro de 2012

CONCENTRACIÓN DO 4 DE DECEMBRO: POLO DEREITO A UNHA VIVENDA DIGNA, NON AOS DESAFIUZAMENTOS


Seguindo a convocatória de Stop Desafiuzamentos de Lugo o 4 de decembro varios centos de personas concentrámonos diante da subdelegación do goberno. Denunciamos a ausencia no decreto aprobado polo goberno do PP de medidas reais para solucionar a situación de desprotección na que están a maioría das familias en proceso de desafiuzamento.
Para facerse unha idea da ineficacia do novo Decreto valen dous exemplos próximos. Esta semana contactaron dúas persoas coa nosa plataforma. Persoas que no seu dia contrataron un crédito hipotecario para mercar unha vivenda e que actualmente se atopan en situación de desemprego sen prestación. Unha desas dúas familias, malia ter sido expulsada da súa casa, ficou con unha débeda de mais de 50.000 euros. Na outra, de producirse o desafiuzamento, un matrimonio de setenta anos que percibe unha pensión que non chega aos 700 euros iria ficar na rúa. Pois ben, malia que todos podamos entender que ambas familias se encontran nunha situación dramática e inxusta, ningunha delas se vería beneficiada en ningún modo polo decreto de Rajoy.
Na concentración contamos coa participación da Plataforma de Afectadas/os polas Preferentes de Lugo, vítimas doutra estafa bancária, e da Asemblea de Desempregad@s de Lugo ademais doutros colectivos políticos, sindicais e sociais.

terça-feira, 27 de novembro de 2012

CONCENTRACIÓN CONTRA OS DESAFIUZAMENTOS

O PP non dubida en destinar grandes cantidades de diñeiro aos bancos ao tempo que aproba un real decreto lei que non ofrece unha solución aos problemas dos desafiuzamentos no Estado Español.
Para denunciar os desafiuzamentos así como a falta de solucións por parte do goberno e para esixir o dereito a unha vivenda digna convocamos unha concentración o 4 de decembro, terceira feira, às 20 horas na praza de Armañá, diante da subdelegación do goberno.

terça-feira, 13 de novembro de 2012

CONTRA AS REFORMAS DA TROIKA, EN DEFENSA DAS PERSOAS. 14N, PECHADO POR FOLGA XERAL!

STOP Desafiuzamentos Lugo vai participar no acto que, baixo o lema "Toma a Folga!", organiza o movemento 15M con motivo da folga xeral do 14N . Lémbrao, o 14 ás 17:00h na Praza Maior de Lugo.


Os integrantes da plataforma STOP Desafiuzamentos Lugo consideramos que hoxe é necesario que todas as cidadás do país saian a rúa e fagan ver o seu desacordo coas políticas de regresión social que está a levar o goberno baixo ao ditado da Troika. Unha política cuxos únicos resultados visíbeis e o aumento das desigualdades sociais, a precariedade e o deterioro das condicións de vida. Unhas políticas que cada día empuxan a mais persoas a unha situación de pobreza e exclusión social. Ocasión que a banca aproveita para facer caixa grazas a un sistema hipotecario inxusto, ilegal e abusivo para a cidadanía, tal e como sinalaron un informe encargado polo propio CGPJ e a avogacía do Tribunal Europeo de Xustiza. Chegamos ao punto de que os mesmos que son rescatados e avalados polo Estado, abusan e estafan a aqueles que están a soportar ese mesmo Estado e son apelados cada día a facer un esforzo maior para garantir o cumprimento de tal absurdo.

Estes días, o problema dos desafiuzamentos está especialmente presente no debate político. Fica claro. As estatísticas son moi alarmantes. Segundo a PAH, nos últimos catro anos xa van mais de 400.000 familias desafiuzadas en todo o Estado. No primeiro semestre de 2012 xa van preto de 100.000, uns 532 por día. Porén, somos moi conscientes que non foron as cifras nin o sufrimento das familias que están detrás delas as que situaron este debate nas primeiras páxinas dos xornais. Para que o problema chegase dunha vez por todas á mesa daqueles que exercen os poderes do Estado foi necesario que nos últimos anos a cidadanía comezase a enfrontarse de forma organizada aos bancos en casos de desafiuzamento, que mais recentemente grupos de afectados decidisen facer peches dentro das sucursais bancarias e mesmo fixo falta que a morte de varias persoas rematase de quentar o ambiente social. Hoxe mais que nunca, temos a convicción de que só pola vía da mobilización social chegaremos a defender de forma efectiva os nosos dereitos e conseguir paralizar esta sangría. Temos de deixar ben claro que non queremos mais lavados de cara e reformas insuficientes como esta que o PPSOE seica van escenificar de xeito cínico e oportunista unha vez mais. É necesario que se aprobe dunha vez por todas a dación en pagamento retroactiva, a moratoria inmediata dos desafiuzamentos en vivendas habituais e o aluguer social dos milleiros de vivendas que de maneira ilexítima acumula á Banca. Estas medidas de mínimos que resolverían os problemas mais graves, xa teñen sido ata en 4 ocasións levadas ao Congreso dos Deputados e en todas elas o PPSOE impediu que prosperaran. Estas mesmas medidas son as que se recollen nunha Iniciativa Lexislativa Popular actualmente en curso que leva unhas 500.000 sinaturas e que tivo que ser impulsada por varias organizacións e colectivos ante a desidia institucional.

Contra os recortes en sanidade, educación, dependencia, investigación e cultura; contra a precarización das condicións laborais e a destrución de emprego, contra a subida do IVE, contra os privilexios da banca e as grandes empresas, contra o fraude fiscal que realizan os grandes patrimonios, contra a vergonza dos desafiuzamentos e contra a perda de dereitos e liberdades; un cambio de modelo é necesario. Isto non é unha crise, xa tampouco unha simple estafa, isto é un xenocidio. É o xenocidio financeiro.

quarta-feira, 3 de outubro de 2012

MAIS DE 16 DESAFIUZAMENTOS POR DIA


 
O Consello Xudicial do Poder Xudicial ven de publicar as estatísticas sobre desafiuzamentos do segundo trimestre de 2012. En Galiza fórom 1.494 desafiuzamentos,  mais de 16 casos por dia. No conxunto do Estado situáronse en  47.943.
Em Lugo os desafiuzamentos durante ese trimestre foron 160, desta forma nos dous primeiros trimestres de 2012 a cifra de desafiuzamentos foi 326.

quinta-feira, 19 de julho de 2012

Luís Villares na charla-debate


Un extracto da intervención de Luís Villares, maxistrado e representante de Xuíces para a Democracia, na charla-debate celebrada na Praza de Santa María o 12 de Xullo. Na páxina de vídeos podedes ver parte das intervencións de María José, en nome de Ángel Vellé, e de Bernardo Valdês.

quinta-feira, 5 de julho de 2012

CHARLA-DEBATE


O 12 de xullo, quinta feira, às 20:30 na Praza de Santa María celebraremos unha charla-debate sobre a problemática legal e económica dos desafiuzamentos. Na mesma intervirán:

Gonzalo Pérez de Lis, representante de Stop Desafiuzamentos Lugo.
Ángel Vellé, avogado.
Luís Villares, maxistrado e representante de Xuíces para a Democracia
Bernardo Valdês, profesor do departamento de economía aplicada da USC.

O acto estará aberto a participación das e dos asistententes. Ademais a charla-debate servirá para presentar o colectivo Stop Desafiuzamentos Lugo.

CONSTITUCIÓN DE STOP DESAFIUZAMENTOS DE LUGO

No período 1994-2010 formalizáronse en Galiza mais de 500.000 préstamos hipotecarios, a unha media anual de 40.000 nos ‘felices’ anos da burbulla inmobiliaria. Nesa época, a especulación provocou que centos de miles de familias tiveran que se enfrontar a un crecente endebedamento. Os prezos da vivenda duplicáronse entre 1997 e 2007 e o importe das hipotecas triplicouse. Debido a que os salarios non aumentaban na mesma magnitude a proporción dos ingresos que as familias tiñan que destinar a pagar a hipoteca aumentou notabelmente. Co estalido da crise a situación agravouse drasticamente. Desde 2008, mais de 141.000 persoas foron parar ás listas do paro en Galiza, perdendo moitas familias as súas principais fontes de ingresos. Ademais, o aumento do paro de longa duración fixo que moitas destas persoas perderan mesmo o dereito á percibir unha prestación por desemprego.

Cal foi o resultado? Pois en Galiza preto de 6.000 familias sufriron un desafiuzamento nos últimos catro anos. Só en 2011 houbo preto de 2.000, un 80% máis dos que houbera en 2008. No conxunto do Estado foron máis de 58.000 durante 2011. Centrándonos na provincia de Lugo, segundo os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, entre os anos 2008 e 2011 producíronse 716 execucións hipotecarias, os desafiuzamentos de 2011 practicamente triplicaron os de 2007.


Para denunciar esta situación e apoiar ás persoas que estean pendentes de desafiuzamento no caso da súa residencia habitual un grupo de persoas e colectivos decidimos constituir Stop Desafiuzamentos de Lugo. Pretendemos ofrecer apoio e aconsellamento legal ás persoas e familias que están en risco de seren despoxadas da súa vivenda. Se queres contactar con nós  escríbenos ao correo stopdesafiuzamentoslugo@gmail.com ou chama o numero de movil 668893615