sábado, 1 de junho de 2013

1º DE XUÑO. O POBO É QUEN MÁIS ORDEA!


Hoxe, 1º de xuño, manifestámonos em Lugo, ao igual que en outras cidades e vilas de Galiza e do resto da UE contra as políticas das Troika e dos gobernos.

Ao final da manifestación leuse o seguinte manifesto:


POBOS UNIDOS CONTRA A TROIKA. GALIZA CONTRA A TROIKA E AS POLÍTICAS DO GOBERNO

Os pobos de Europa están a sufrir un violento ataque do capital financieiro que se fai representar pola Troika (FMI, BCE, CE) e polos sucesivos gobernos que aplican as políticas concertadas con estas entidades desprezando ás persoas. Sabemos que esta ofensiva aposta por dobregar ós pobos, tornándoos escravos da débeda e da austeridade. Atravesa a Europa e tamén debe ser derrotada pola loita dos diferentes pobos.

Cada unha de nós, en cada nación coas suas especifidades, sentimos na nosa pel as medidas que aniquilan os dereitos conquistados ao longo de décadas. Medidas que agravan o desemprego, que privatizan todo aquelo que poida ser rendíbel e que condicionan a soberanía dos países baixo a propaganda da “axuda externa”.

A desigualdade social e territorial exténdese por toda a UE, a pobreza alcanza niveis alarmantes, a fame reaparece con forza. É urxente que unamos as nosas forzas para combater mellor este ataque; para enfrontarnos ás constantes reformas que nos deixan sen dereitos para darlles diñeiro aos bancos, ás grandes empresas, aos especuladores e aos corruptos.

O PP ataca os dereitos laborais e legais. Está a atacar as pensións, abarata o despedimento, reduce os salarios e crea paro e pobreza. Xa son 120 os millóns de persoas que se atopan en risco de exclusión social.

Na Galiza, maís de 663 mil persoas están nesta situación e maís de 72 mil nenas forman parte de familias que viven baixo o limiar da pobreza, segundo Unicef o 20% das nenas son pobres. Igualmente aproveitanse da crise para adoptar medidas retrógradas e involutivas de forte carácter ideolóxico no campo dos dereitos cívicos destinadas a frear e derrubar conquistas de colectivos sociais históricamente marxinados, coma poden ser todas aquelas políticas que atentan contra os dereitos sexuais e afecivos das persoas e que hoxe manifesta claramente o ministro Gallardon coa súa proposta de reforma da Lei do Aborto.

Mentres, en Madrid o PP e o Goberno aproba o roubo de ducias de miles de pequenas aforradoras e entrega as caixas de aforros en mans de grandes bancos. Ao mesmo tempo milleiros de traballadoras do sector bancario son despedidas para sanear as entidades que despois de seren saneadas serán entregadas como agasallo ao gran capital. Debemos reclamar como pobo ter nós o poder económico e non os grandes inversores, para poder crear emprego, para poder empregar os cartos naquelo que é necesario e non para financiar con empréstitos millonarios cun interes baixo os propios banqueiros.

A Xunta de Feijóo desmantela o ensino, a sanidade e os servizos sociais para así dar novas fontes de ingresos ás súas controvertidas amizades. Galiza enteira está a ser entregada ás transnacionais mineras mentres o noso sector agrario, en estado moribundo, segue esquecido e sen recibir o apoio dos gobernos, impedindo a existencia dun medio rural productivo, vivo e dinámico.

No sector naval, Feijóo está a ofertar unha suposta carga de traballo, con moita propaganda e pouca concreción, a costa de vender o avanzado nivel tecnolóxico dos estaleiros galegos a unha multinacional mexicana, quen a bo seguro cando se faga co control tecnolóxico deslocalizará a producción.

Na nosa terra destinanse instalacións de aviación civil como o Aeródromo de Rozas para servizo da OTAN, maquinaria militar ao servizo do imperialismo, para faceren experimentacións con avións non tripulados -chamados Drons ou “avións espía”- que se empregarán para a invasións e ataque contra a poboación civil, onde o capital pense que é necesario.






Afirmamos que están a matar a industria galega, a pesca, o noso agro, destruíndo milleiros de postos de traballo para favorecer a concentración da riqueza.

Dende os anos oitenta perdéronse medio millón de postos de traballo, a emigración segue a sangrar a nosa terra deixándonos sen mocidade. Cada día son 70 as mozas que abandonan Galiza en busca de traballo para ir a Canarias, Valencia, Madrid ou Berlín.

Aquelas que deciden non emigrar, e loitar por un futuro digno na nosa terra son castigadas con medidas represoras e antidemocráticas polo Capital, que criminaliza polo tanto a todas aquelas que tentan combater as súas politicas. Esto maniféstase no día a día a través de multas gubernativas, detencións, penas de cárceres para sindicalistas, xente sin recursos ou mesmo a dispersión de presas políticas, como é o caso das independetistas espalladas por cárceres de todo o estado, quenes se atopan na máis absoluta indefensión privados da liberdade durante meses e anos sen ser xulgados.

Esta crise está a ser aproveitada para acentuar a concentración da riqueza e do poder político o cal agrava a situación das nacións sen estado como Galiza. Na Unión Europea e no Estado Español estase e centralizar a capacidad de decisión cara a Bruxelas e Madrid afastando deste xeito os pobos da toma de decisións.

Se no pasado eramos cada día máis pobres coa excusa da construción europea, agora din que se debe á crise. Están a roubar aos pobos, a todos nós, para enriquecer os banqueiros. Este sábado e de hoxe en adiante mobilizarémonos para denunciar este roubo, para exixir un cambio nas políticas da UE, do Goberno e da Xunta de Galiza.

As galegas e os pobos de Europa, non queremos ser servos; queremos ser donas do noso destino.


Que se lixe a Troika! Que se lixe o Goberno!

O POBO É QUEN MÁIS ORDEA!