sábado, 9 de fevereiro de 2013

STOP DESAFIUZAMENTOS LUGO SÚMASE Á VAGA DE PROTESTAS CONVOCADAS EN TODO O PAÍS PARA O 16 DE FEBREIRO




O colectivo STOP Desafiuzamentos Lugo (SDL) realizará unha concentración ás 18:00h na Praza Maior de Lugo para defender o dereito á vivenda.

SDL chama aos lucenses á mobilizárense novamente contra a lei hipotecaria e a súa máis dramática consecuencia, os desafiuzamentos. Neste caso, o acto enmárcase nunha convocatoria conxunta dos colectivos de STOP Desafiuzamentos e PAHs que vai ter lugar en cidades de toda España baixo o lema “Polo dereito á vivenda. Contra o xenocidio financeiro, sinalamos aos responsábeis e exiximos dación en pagamento retroactiva, aluguer social e stop desafiuzamentos xa!”

Fronte os abusos das entidades financeiras e a complicidade do goberno, que lles da cobertura con unha lei inxusta que fai caer a responsabilidade sobre a parte máis vulnerábel, ao mesmo tempo que ese mesmo goberno destina miles de millóns de euros en axudas públicas á banca sen ningún tipo de compensación, a cidadanía mobilizada temos defendido o dereito á vivenda e proposto solucións para acabar con esta estafa.
Os diferentes colectivos implicados en esta loita temos axudado nestes anos a centos de familias sen que fose recibido recurso público algún e sufrindo o mais absoluto desprezo por parte das principais institucións do Estado. Por medio dunha ILP que foi avalada por mais dun millón de sinaturas, puxemos enriba da mesa as medidas de mínimos que debían ser aplicadas para solucionar o problema. Con esta Iniciativa, que inclúe a dación en pagamento retroactiva, o aluguer social e unha paralización inmediata dos desafiuzamentos en caso de vivenda habitual, esgotamos todos os mecanismos que nos ofrece o sistema para mudar a lei. Por iso advertimos que se for interrompida a súa tramitación, nun novo episodio de comportamento antidemocrático e servilismo fronte ao poder financeiro por parte dos representantes do pobo, verémonos completamente lexitimados a aumentar a presión social nas rúas. Por este motivo, queremos que o vindeiro 16F a cidadanía consciente encha as rúas de todas as vilas e cidades do país.
Porque non ten sentido que os bancos acumulen miles de predios baleiros mentres miles de familias fican na rúa, reclamamos dación en pagamento con carácter retroactivo, moratoria dos desafiuzamentos en vivenda habitual e aluguer social!

Porque o dereito á vivenda non se negocia, deféndense!

Sem comentários:

Enviar um comentário