O colectivo STOP Desafiuzamentos Lugo (SDL) realizará unha concentración ás
18:00h na Praza Maior de Lugo para defender o dereito á vivenda.
SDL chama
aos lucenses á mobilizárense novamente contra a lei hipotecaria e a súa máis
dramática consecuencia, os desafiuzamentos. Neste caso, o acto enmárcase nunha
convocatoria conxunta dos colectivos de STOP Desafiuzamentos e PAHs que vai ter
lugar en cidades de toda España baixo o lema “Polo dereito á vivenda. Contra o
xenocidio financeiro, sinalamos aos responsábeis e exiximos dación en pagamento
retroactiva, aluguer social e stop desafiuzamentos xa!”
Fronte os
abusos das entidades financeiras e a complicidade do goberno, que lles da
cobertura con unha lei inxusta que fai caer a responsabilidade sobre a parte máis
vulnerábel, ao mesmo tempo que ese mesmo goberno destina miles de millóns de
euros en axudas públicas á banca sen ningún tipo de compensación, a cidadanía
mobilizada temos defendido o dereito á vivenda e proposto solucións para acabar
con esta estafa.
Os
diferentes colectivos implicados en esta loita temos axudado nestes anos a
centos de familias sen que fose recibido recurso público algún e sufrindo o
mais absoluto desprezo por parte das principais institucións do Estado. Por
medio dunha ILP que foi avalada por mais dun millón de sinaturas, puxemos
enriba da mesa as medidas de mínimos que debían ser aplicadas para solucionar o
problema. Con esta Iniciativa, que inclúe a dación en pagamento retroactiva, o
aluguer social e unha paralización inmediata dos desafiuzamentos en caso de
vivenda habitual, esgotamos todos os mecanismos que nos ofrece o sistema para
mudar a lei. Por iso advertimos que se for interrompida a súa tramitación, nun
novo episodio de comportamento antidemocrático e servilismo fronte ao poder financeiro
por parte dos representantes do pobo, verémonos completamente lexitimados a
aumentar a presión social nas rúas. Por este motivo, queremos que o vindeiro
16F a cidadanía consciente encha as rúas de todas as vilas e cidades do país.
Porque non ten sentido que os bancos acumulen miles de predios baleiros
mentres miles de familias fican na rúa, reclamamos dación en pagamento con carácter retroactivo,
moratoria dos desafiuzamentos en vivenda habitual e aluguer social!
Porque o dereito á vivenda non se negocia, deféndense!